martes, 18 de noviembre de 2014

EnREDados coa poesía do outono salmantino (Crónica en tres actos)

Acto I: Nunha hora non gañamos Zamora

A fatiga da viaxe, a fame e a chuvia aliáronse para deslucir a nosa primeira parada. A clasicista fachada norte da catedral dounos acubillo e a praza diante dela e do castelo foi o lugar elixido para facer unha apresurada lectura con lembranzas de Viriato, dona Urraca, o Cid, Sancho II ou o traidor Bellido Dolfos.

Acto II: En Salamanca non vimos a ra

Contan que Unamuno lamentaba que moitos, por culpa do batracio, non visen outra cousa na súa querida Salamanca. Nós non vimos a ra mais si vimos moitas outras cousas: na praza dos Bandos, soar natalicio de Carmen Martín Gaite, a casa da lexendaria dona María a Brava; na librería Hydria unha  perfecta maridanza entre negocio e cultura; no Da2 a transformación dunha antiga prisión nun museo ou no barrio do Oeste como imaxinación, arte e solidariedade poden sacar do anonimato muros de obra, anódinas portas de garaxe, insulsas medianeiras ou vulgar mobiliario urbano.
Aproveitamos tamén para coñecer a dinámica e versátil biblioteca Torrente Ballester e para enfeitizarnos coa poesía de Raúl Vacas e a música de Fernando  Maés.
Enchéusenos a cabeza de paxaros nunha virtual ruta ornitolóxica guiados por poesías voantes, píos, limóns en gaiola ou aves metropolitanas.
Vivimos a maxia das etimoloxías populares, das lendas e a mitoloxía salmantinas levados da man de Fernando Saldaña: el foi quen de esvaecer o sono e o cansanzo acugulados despois de dúas noites toledanas no albergue salmantino; nas súas historias foi mágoa que o príncipe azul non se chamara Calisto, a princesa Melibea ou que o asno afogado non pertencese a algún dos amos de Lázaro de Tormes.









Enfeitizados deixamos Salamanca co compromiso de volver porque como dixo Cervantes Salamanca... enhechiza la voluntad de volver a ella a todos los que la apacibilidad de su vivienda han gustado. E tamén para ver a ra que garante o tan desexado aprobado nos exames!

 

Acto III: O turre tabarense alta et lapidea...


E de regreso paramos en Tábara para homenaxear, lendo, ao seu fillo o poeta León Felipe e para lembrar as glorias pasadas desta tranquila e hospitalaria vila que nos abriu, fóra de horario e de xeito altruista, o seu scriptorium (so a románica torre da igrexa de Santa María, herdeira da súa antecesora do mosteiro de San Salvador alta e pétrea)  onde están expostos facsímiles de varios beatos entre os que destaca o chamado de Tábara.


Ao luscofusco despedímonos de Tábara cara aos nosos distintos destinos; rematabamos tres intensas xornadas pletóricos de ilusións para próximas enleadas poéticas e algo máis que poéticas.

lunes, 10 de noviembre de 2014

EnREDados coa poesía do outono salmantino

Por segundo ano consecutivo alumnado e profesorado implicado no proxecto “EnREDando Versos” visitaremos terras de Salamanca e Zamora. 


Desta vez aos catro centros participantes na pasada edición (IES Poio, IES Ribeira do Louro-Porriño, IES San Paio-Tui e IES Sanxenxo) súmanse o IES de Vilalonga-Sanxenxo e a Escola Básica e Secundaria de Macedo dos Cavaleiros (Portugal). 


Máis dun cento de alumnos e unha ducia de profesores participaremos nas distintas actividades previstas (rutas e lecturas literarias, recital poético-musical, visita a bibliotecas e librerías, obradoiros de creación poética...). Unha das novidades deste ano é a parada en Tábara, terra natal do poeta León Felipe.


Ofrecemos algúns dos textos que serán os nosos compañeiros de viaxe

en Zamora:

en Salamanca:

en Tábara:

Boas lecturas, Boa Viaxe!