martes, 14 de octubre de 2014

Poesía e música na voz de Yolanda Castaño, a nosa poeta do mes de outubro: EDÉNICA.




Inaugurando pois este novo curso no que casaremos versos e notas, a nosa poeta do mes é Yolanda Castaño (http://gl.wikipedia.org/wiki/Yolanda_Casta%C3%B1o) que aló polo ano 2000  publicou un poemario-disco titulado Edénica no que se recollen poemas en papel seleccionados das súas obras: Elevar as pálpebras(III Premio de poesía Fermín Bouza Brey no ano 1994), Delicia (1998), Vivimos no ciclo das erofanías ( II Premio de Poesía Johan Carballeira no ano 1997), e Outros poemas (1995-1999, algún deles inédito); acompañan a este libro un CD musical que contén algúns deste poemas musicados por José A. Fernández Calero e interpretados pola propia Yolanda Castaño.



No CD a autora dinos que "(...) Foi buscar novos canais de expresión para a poesía. E naceu reinventar a poesía musicada (...) unha música actual cunha literatura nova."

No seguinte enlace podedes consultar os temas do CD e tamén escoitar a primeira das cancións da autora:



Sen dúbida Yolanda Castaño é unha das poetas máis eclécticas e innovadoras do panorama da poesía galega actual; ten experimentado a conxunción da palabra en verso co son e coa imaxe, co audiovisual,  e boa mostra diso é a súa páxina web:

                                            http://www.yolandacastano.com/comezo.htm

Aquí tedes algúns dos seus poemas:

VENECIA: O VICIO DA BELEZA
I
Clara, Retira ese pano: Os ollos da afogada permean as asas da derrota. Os belísimos ollos da afogada, a súa virxindade extraterrestre, a súa loucura.
              Non é de aquí esta flor.
              Lila rigor que tapou qué desespero.
                                                                                                             ( Edénica, 2000)


Quén preservará todos os contornos da conciencia.
Quén ha de revelar o meu nome descoñecido,
                  o meu impúdico nome que codifica e devora.
Quén pode prescribir tantos equívocos moldes
                  por encima desta fiestra construída polo corpo.
Quén haberá que incorpore esta razón esta memoria
                  cara un ciclo impertérrito de tebras e de luz?
                                                                                                             (Delicia, 1998)


A consumida dunha pirámide sonámbula


bracexa no naufraxio en tanto camiña un pulo

mendigo de desposuirse.           Recóntase.



Cubrirase dunha temperatura taciturna,
diafragma dunha trama que só cega.

Que han de calcetar nos pasos
a cabana inmortal dunha memoria.
A reiniciada do desterro recóntase
Cánto tempo tarda en acabarse todo.


A miña beleza sinala co dedo,
espella os meus cristais,
ofende.

A miña beleza que intimida,
que enerva sen falar,
que acovarda.

A miña beleza que prognostica,
que me eclipsa,
que me traizoa.

A que me vende barata,
a que amortiza os meus fallos,
que se me adianta.

A que levanta suspicacias,
a que disuade de min,
que desvirtúa.

A miña beleza que me somete,
faime criada de si,
a que me ata.

A miña beleza desvergoñada,
que te enfronta contra ti,
que me negocia.

 A miña beleza que me deturpa,
que embaza os meus cristais,
a que me nega.

A miña beleza que manipulo,
que non outorga perdón,
a que me agacha.

                                                                                                     Profundidade de campo, (2007)

Algún dos seus proxectos audiovisuais:


                   

No hay comentarios:

Publicar un comentario