domingo, 2 de marzo de 2014

MARZO NOS VERSOS DE ANA ROMANÍ


Ana Romaní, Noia (A Coruña), 1962. 
Escritora e xornalista. Locutora da Radio Galega, onde dirixe o programa "Diario Cultural" de emisión diaria. Foi unha das fundadoras da revista feminista "Festa da Palabra Silenciada" e da asociación "Mulleres Galegas na Comunicación" .
Publica os poemarios Palabra de Mar (Ed. Espiral Maior, 1987), Das ultimas mareas (Ed. Espiral Maior, 1994), Arden (Ed. Espiral Maior, 1998), Love me tender. 24 pezas mínimas para unha caixa de música (Concello de Santiago, 2005), Estremas (Galaxia, 2010). Este último recibiu o Premio da AELG de poesía no 2011, o Premio da Crítica Galicia de Creación literaria , Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía 2010 nos Premios da Edición da AGE e Mellor Libro de Poesía 2010 para os lectores da web Fervenzas Literarias.

SELECCIÓN DE POEMAS

E SE FAGO da varanda unha estación
unha tregua no curso das idades
un balcón para o sosego -abaixo o río-
e caen as augas e liman os meus pés
a memoria do illamento
as sombras da meniña
Se suispendo mesmo o río
e paralizo as augas e miro os estandartes
coa calma de quen rozou o linde
o carambo ardido o iceberg
Se sento no beirado -abaixo a altura-
e pouso no horizonte este pasado
e observo o aire suspendido
arnés que colga a luz para eses ollos
Se fago balaustrada no devir
e cedo ao peitoril esta ansiedade
se son cantil e balda que se asoma
e cesa mesmo así a tapia co seu medo
Abrigo entón a luz na altura que me acolle
e son ese lugar da calma e do beirado
-colga a ponte do seu cansazo aquel andar-
Son un corpo que se expón ao sopro dese aire
e suspende así a mecánica do abismo esa vertixe
o sistema que a sustenta As idades abrigan
este esplendor de campos no horizonte
centeais e clamores e a garza que ensaia neles
a traxectoria limpa doutro voo
Desde aquí na varanda que se asoma
abrigo a expectativa

son xa unha nova estación
de Estremas (2010)

 
ESAS OSAMENTAS que a luz deita no terrazo
a memoria da carne que as abriga
os seus arqueados estupores
cóncavas estancias da nudez que as precedeu
Translúcidas na irada contemplación de quen observa
esas estruturas que andaron abismadas e agora esquecen
devolven á boca acedumes de esponxa
a se espremer calma nas papilas daquel tempo
ancoraxes o recordo
iso que foron corpos e agora ispen a súa condición
discurso
só palabras que zumegan sogas    presión de adival
e normativas a axustar as carnes   as redondas liberdades
con ditames do desexo e sexos comprimidos
no cánabo   e no esparto
Así as tatuaxes da cordura
leve rozar de lazo
carambo ardido aquela pel
Estas osamentas sostiveron o universo
e foi función a súa asfixia ou letargo
Deitadas no terrazo á luz da tarde despregan os seus ocos
a ausencia que convocan   son soño derramado
balaustradas brancas   para un se pousar de aves
plumas de ar
osos e voo
de Estremas (2010)

 
"Belas irmás, subide
ás mais firmes rochas"

EDITH SÖDERGRAN
Camiñan descalzas polas rochas,
pantasmas de sal habitan as sombras,
saben que as últimas mareas
esqueceron na praia os restos do naufraxio.
As mulleres recollen cada noite
os tesouros de auga, líquidos e fráxiles,
rebélanse contra a Historia,
constrúen co mar as estatuas
que nunca permanezan.
As mulleres de sal, con argazos de sombras,
xorden das últimas mareas
e tecen tesouros de auga cada noite
contra a Historia.
Elas, que saben que o efémero permanece.

            de Das últimas mareas (1994)




Xunto á tarde hai algo que salta
unha memoria breve quizais auga
as gamelas en domingo desasidas
Hai algo que reclama
a extensión do plancto
os pes de chapapote
Como se fose
Como se algo tivera sido
            de Arden (1998)




 

No hay comentarios:

Publicar un comentario