jueves, 2 de enero de 2014

Xaneiro nos versos de Ana Mª Fernández



Ana María Fernández naceu en Palma de Mallorca en 1949 pero vive na Coruña desde o ano 1967. É mestra e, xunto co seu home Xoán Babarro, é autora dos primeiros textos modernos para a aprendizaxe do galego. Recibiu o Premio Lazarillo de creación literaria por Amar e outros verbos. A súa obra O país de amarnos figurou na lista de honor da IBBY do 2006.

No eido da poesía ten publicado os seguintes poemarios:

  • Poemas que cantou o grilo http://www.filix.org/auto/poemasque.html



  • TRES PAXES E TRES REIS
    SUMAN SEIS

    Paxe 1
    Traemos lembranzas
    de moitos lugares.
    Saltamos montañas,
    cruzamos os mares
    e, por fin, chegamos
    hoxe, con ledicia,
    á fermosa terra
    da verde Galicia.

    Paxe 2
    Vexo que, nas cartas,
    pedistes regalos
    e os Reis, que vos queren,
    andan a buscalos:
    bicis e bonecos,
    disfraces, patíns,
    xogos e máis xogos,
    botas e botíns…

    Paxe 3
    E aquí están os Magos
    facendo camiños.
    Chegan dende Oriente
    detrás do solpor,
    e seguen contentos,
    pasiño a pasiño,
    mirando arredor.
    Transportan regalos
    nun saco de nube,
    saúdos quentiños
    dos raios do sol,
    e veñen seguindo
    ronseis dunha estrela
    que anuncia o Amor.
    Son tempos de xogos,
    de paz, de alegrías.
    Son tempos de enredos
    e mais de lecer.
    E os Magos xa falan
    a lingua da terra
    que van percorrer.



     Paxe 1 
    Ola, Rei Melchor, o de capa
    dourada!
    Que traes para a xente, que
    está ilusionada?
    Melchor
    Libros fermosos, cancións, adiviñas,
    contos e lendas dos vosos avós,
    para que soen en lingua galega
    o verso e a voz.

    Paxe 2
    Ola, Rei Gaspar, o do rexo camelo!
    Que traes nese cofre que dá gusto velo?
    Gaspar
    Eu traio envoltos na néboa saudosa
    grandes tesouros de ouro e coral,
    barcos piratas, fragatas, veleiros,
    castelos de sal.

    Paxe 3
    E ti Baltasar, dos Reis, o terceiro,
    cal agasallo é máis gaioleiro?
    Baltasar
    Son todos lindos, a cal máis bonito;
    enredos con maxia, para celebrar,
    xogos de mesa, de armar, de consolas,
    e algún paquetiño de risas e paz.
    Todos
    Pois xuntos berremos, que o Mundo nos sinta,
    que viva o Nadal! 

    O libro dos Reis Magos. Xunta de Galicia.

ENVELLECER

Mira os avós.
Antes eran máis grandes,
máis altos,
máis anchos...
pero devecen coma as follas sen zume.

Aseguran que o tempo é o único culpable,
un furtivo que chega cos dentes afiados
a cravárselles no rostro
mentres dormen
mentres botan farangullas ás pombas dos xardíns
ou xogan coma nenos.

A miúdo falan de vidas que pasaron
e argallan historias,
ao quentaren as mans
sobre a seda dos lumes.

Os avós envellecen devagar,
pero ninguén pode arrincarlles o sorriso,
porque gardan
o segredo do futuro,
máis alá dos seus ollos pequenos. Amar e outros verbos.




AMAR
O amor florece desde dentro,
en primeira persoa,
e medra coma irmanciño novo,
que gabea polos rostros
e polas mans da xente...
o amor fai ancho o sorriso,
como un peirao xigante
onde atracan os barcos
cargados de alegrías,
e arrodéase de flores,
de paxaros,
de nubes de algodón
e atardeceres de azucre.

O amor converte o peito
nunha praza
onde viven os saúdos,
coas apertas e os regalos,
onde caben os nenos
que habitan os domingos
e comen chocolate
e rin fóra das sombras.  Amar e outros verbos



Un día de tantos,

  podo perderme entre estas rúas
  onde, do sol,
  non chega unha noticia,
  onde medra
  a podremia e o caruncho
  ata nas pedras,
  onde agachan a cabeza
  os que máis sofren.

Podo perderme
  no insubmiso canellón
  que o tempo ggreta
  entre casa e casa,
  arrecendo a comida
  e humidade,
  onde non sobreviviron as cantigas,
  onde arañas de oito dedos
  comen carne tras das portas
  e aderrita dos labios
  se concreta
  en frío, soidade,
  abraio e burla.

Entón, sen dicires unha palabra,
  sen tocarme,
  só coa estrela dos teus ollos,
  lembrarei todo o ceo.


O país de amarnos

No hay comentarios:

Publicar un comentario